Cristina Torres (Mar de Vigo) e Manuel Ángel Penas (Tríatlon Arteixo) proclamáronse vencedores do XI Dúatlon Concello de Guitiriz, no que participaron case douscentos deportistas. Coa proba de Guitiriz comezou o Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2017, que está formado por cinco probas.

Cristina Torres e Manuel Ángel Penas vencen no XI Dúatlon de Guitiriz

 

Na categoría feminina repetiu triunfo Cristina Torres, vencedora no 2016. A duatleta do Mar de Vigo rematou o primeiro segmento na terceira posición a 30 segundos da primeira, Margarita Villaverde (GV Sports). Pero na bicicleta, Torres foi a mellor e logrou poñerse en cabeza e xa non abandonou esta posición. Así entrou en meta cun tempo de 01:15:07, mentres que segunda foi a cadete Irene Mera (Náutico de Narón) a case dous minutos de distancia (01:17:04) e terceira, Ana María Santiso (Náutico de Narón) cun tempo de 01:17:22.

Na categoría masculina a vitoria tivo que decidirse nos últimos metros entre Manuel Ángel Penas e Alberto Castiñeira, ambos do Tríatlon Arteixo, con triunfo final para o máis veterán. Precisamente Penas foi o máis rápido no primeiro segmento, pero na bicicleta Alberto Castiñeira logrou alcanzalo e así disputaron xuntos o triunfo. Mentres por detrás, varios homes (Iván Puentes, Manuel Dosil, Jacobo Crego ou Aitor Franco, entre outros) loitaban polo bronce. Así, ao final o triunfo foi para Manuel Penas (58:30), mentres que segundo foi o seu compañeiro de club, Alberto Castiñeira (58:40) e a terceira praza foi ocupada por Iván Puentes (Tríatlon Ferrol) cun tempo de 59:21.

 

O Dúatlon de Guitiriz celebrouse sobre a distancia sprint, polo que os deportistas tiveron que facer 5 quilómetros a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 de carreira a pe.

 

Os gañadores doutras categorías foron:

  • Cadete: Irene Mera (Náutico de Narón) e Miguel Benavent (Tríatlon Oleiros)
  • Júnior: Cristina Torres (Mar de Vigo) e Iván Puentes (Tríatlon Ferrol)
  • Sub 23: Ana María Santiso (Náutico de Narón) e Alberto Castiñeira (Tríatlon Arteixo)
  • Veteráns 1: Marta Otero (FEFEME Tríatlon do Miño) e Manuel Ángel Penas (Tríatlon Arteixo)
  • Veteráns 2: Belén Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) e Ricardo García (Tríatlon O Bierzo)
  • Clubs: Náutico de Narón (feminino) e Tríatlon Arteixo (masculino).

O Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2017 está formado por cinco probas: Guitiriz, Cidade de Lugo, Riveira, Santiago e Arteixo. Está en xogo a clasificación para o Galego de Dúatlon, que se celebrará en Vigo o 9 de abril.