A Deputación de Ourense promove esta iniciativa deportiva en colaboración coa estación Oca Nova Manzaneda, dirixida aos máis cativos

Aberto o prazo de inscrición do programa “Esquiou 2017”

 

A Deputación de Ourense promove un ano máis, en colaboración coa estación Oca Nova Manzaneda, o programa “Esquiou 2017” que abre o prazo de inscrición para participar nesta iniciativa deportiva que pretende achegar o esquí aos nenos e nenas da provincia de Ourense. 

 

Para elo, “Esquiou” ofrece un completo programa de actividades nas instalacións da estación, incluíndo aloxamento, pensión alimenticia, curso de esquí e outras actividades complementarias para nenos e nenas nacidos desde o 1 de xaneiro 2005 ata o 31 de decembro de 2008 na provincia de Ourense. 

 

En total poderán participar 735 nenos e nenas divididos en sete quendas de 105 persoas por quenda. A duración é de dúas noites e tres días de luns a mércores. En canto ás quendas, establécese o reparto de nenos por proximidade xeográfica para lograr que os grupos sexan máis homoxéneos e nos que os participantes se coñezan previamente, o que facilita a integración e a convivencia. No caso de que non se cubran todas as prazas nunha quenda e de haber demandantes en espera doutras comarcas, iranse reasignando por orde de inscrición. De este modo, as quendas estableceríanse do seguinte modo: a primeira terá lugar entre os días 23 ao 25 de xaneiro para rapaces de Terra de Celanova e Baixa Limia; a segunda quenda entre os días 30 de xaneiro ao 1 de febreiro para Allariz, Maceda e A Limia; a terceira irá do 6 de febreiro ao 8 de febreiro sendo a quenda para a zona do Ribeiro e do Carballiño; a cuarta quenda irá do 13 ao 15 de febreiro para Verín e Viana; do día 20 ao 22 de febreiro será a quenda para Valdeorras; a sexta quenda irá do 27 de febreiro ao 1 de marzo para Ourense; e a última do 6 ao 8 de marzo para Terra de Caldelas e Terra de Trives.

 

Os interesados en participar poderán inscribirse ata o 15 de xaneiro de 2017 a través do correo electrónico esquiou@depourense.es. Cada participantes deberá aboar unha cantidade de 29 euros. Unha vez realizada a preinscrición realizaranse os grupos por quendas, sendo o método de selección dos participantes por orde de inscrición.