A Área Recreativa da Veronza lista para o Cros de Ribadavia

0

 

O vindeiro domingo, 29 de xaneiro, celebrarase o Cros de Ribadavia 2017 no que se disputará o Campionato de Galicia de Campo a Través Absoluto, Promesa e Junior, Individual e por Equipos. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo dos Deportes «Paco Paz», acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; o delegado en Ourense da Federación Galega de Atletismo, Manuel Blanco; o alcalde e o concelleiro de Deportes de Ribadavia, Ignacio Gómez e Ricardo González, e o presidente do Club Deportivo Aurum, Lalo Gómez.

O vicepresidente da Deputación de Ourense explicou que «o Cros de Ribadavia 2017 tamén é unha proba puntuable para o II Circuíto Galego de Campo a Través». A competición terá lugar no circuíto da Área Recreativa da Veronza, no municipio de Ribadavia. Rosendo Fernández destacou que este campionato «é a proba con máis arraigo e prestixio de Galicia, e nela danse cita os principais atletas de medio fondo e fondo da nosa comunidade». 

Con motivo da celebración, este ano, da 82ª edición do campionato masculino e da 50 edición feminina, a Deputación de Ourense e a Federación Galega de Atletismo, realizarán un recoñecemento á primeira campioa desta competición, a ourensá Aurora Salgado Pérez. Nesta proba participarán os principais clubs de Atletismo de Galicia chegando aos preto dos 400 deportistas en total. Disputaranse catro carreiras que comezarán a partir das 11.00 da mañá nas categorías de Junior masculino e feminino, e Senior e Promesa masculino e feminino.

Toda a información sobre esta proba deportiva pode consultarse na web de Deportes da Deputación de Ourense.

 

Campionatos de España de Remo

Asemade, o Pazo dos Deportes «Paco Paz» tamén acolleu hoxe a presentación dos Campionatos de España de Remo, que se celebrarán o día 28 de xaneiro no municipio de Ribadavia e o día 29 de xaneiro no municipio de Castrelo de Miño. No acto participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas; o alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez; o alcalde e o concelleiro de Deportes de Ribadavia, Ignacio Gómez e Ricardo González.

O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a importancia de levar a cabo eventos deportivos que «aúnan saúde e turismo, e que supoñen unha gran oportunidade para dar a coñecer o territorio e as súas potencialidades». Así mesmo, Rosendo Fernández lembrou «o apoio do goberno provincial ao remo a través do CERLAC, no cal seleccións de distintos países se preparan».

Pola súa parte, o municipio de Ribadavia acollerá o XVI Campionato de España de Remoergómetro, que se desenvolverá no polideportivo Municipal, mentres que Castrelo de Miño acollerá a proba do VII Campionato de España de Fondo – Trial de Inverno a celebrarse nas instalacións do Centro Náutico deste municipio. En canto á participación, daranse cita entre as dúas probas preto de 500 deportistas.

No Campionato de España de Remoergómetro entregaranse medallas (ouro, prata e bronce) aos tres primeiros clasificados nas diferentes categorías. E, no Campionato de España de Fondo, entregaranse medallas (ouro, prata e bronce) aos tripulantes das embarcacións clasificadas nos tres primeiros postos de cada modalidade e categoría. Por tratarse de Campionatos de España, para poder acceder a estes galardóns, os clasificados deberán ter a condición de deportistas de clubs españois. Os que non cumpran con este requisito e queden ente os tres primeiros de cada modalidade, serán agraciados cunha medalla simbólica.